Principal.JPG

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, acompañados dos deputados José Manuel Pequeño e Blas García e de técnicos do servizo de Vías e Obras, visitaron hoxe o noso concello, onde comprobaron a execución das obras das sendas peonís que discorren pola ruta xacobea do Camiño de Fisterra-Muxía.

 

En Negreira, a Deputación está executando un importante proxecto, cun investimento superior aos 800.000 euros, para a construción de catro novos tramos de sendas ao longo da estrada DP 5603 que une Negreira co Marco do Cornado. En total, estanse construíndo 5,1 quilómetros de sendas en catro tramos situados entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 e 7+820, 8+750 e 10+770 e do 11+110 ao 12+900.

 

O presidente da Deputación, explicou que as sendas realizaranse en zahorra artificial estabilizada con cemento, “o que proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias”, se o cal “proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias”, sinalou González Formoso.


NEGREIRA


González Formoso tamén destacou que “para nós Negreira é unha vila de referencia no interior da provincia porque segue o modelo de futuro que queremos implantar para loitar contra o despoboamento xa que aquí faise unha aposta decidida polo turismo, e polo camiño concretamente, pero por outro lado non renuncian á industria nin á súa tradición agraria”.
Pola súa banda, o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, agradeceu a visita do presidente para interesarse pola evolución do proxecto destacou a importancia dun investimento “fundamental para garantir a seguridade e que vimos demandando hai tempo desde o Concello de Negreira”.
As obras divídense en catro tramos, o último dos cales, 1,8 quilómetros que discorren polo núcleo de Vilaserío xa está rematado. Nos tres tramos restantes están comezando as actuacións á espera das autorizacións necesarias por parte de Augas de Galicia e do traslado dos postes dos servizos afectados (telecomunicacións e electricidade).


Estrada Pontenafonso

González Formoso anunciou durante a visita de hoxe que a Deputación aprobará no pleno do 30 de outubro, dentro dun expediente de modificación de créditos, a dotación económica para a segunda fase das obras de ampliación da DP 5602 Negreira-Pontenafonso, que contan cun orzamento de 1.266.128,78 euros, ao que hai que sumar os 174.697,96 euros investidos nas expropiacións de terreos, xa realizadas.


Unha vez aprobada a consignación económica, a Deputación procedería a dar luz verde definitiva ás obras no mes de novembro,
O presidente da Deputación incidiu na importancia desta actuación xa que “é unha demanda histórica nunha vía que vertebra o interior do municipio” e agradeceu “aos veciños e veciñas da zona a súa colaboración”.

 

NEGREIRA 2


As obras suporán a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vaidende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando ao vial dunha calzada de 7 metros de ancho e arcéns de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.

Reservas

A Axencia de Doazón de órganos e Sangue de Galicia (ADOS), informa que este luns 19 de outubro, unha das súas unidades móbiles se vai desprazar ata Negreira. Permanecerá estacionada diante do Centro de Saúde, na rúa de Castelao, en horario de 9:30 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas.

 

ADOS fai un chamamento á cidadanía a doar sangue e, moi especialmente, aos doantes dos grupos sanguíneos: 0 positivo; A positivo e B positivo. As reservas destes grupos presentan niveis baixos, polo que resulta preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón de sangue.


Cita previa
Para doar sangue podes pedir cita previa no 900 100 828 de cara a facelo de xeito organizado.


#súmateaonosoequipo

eoinegreira.jpg

A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, na súa Sección de Negreira, no IES Xulián Magariños, informa da apertura do prazo de matrícula a partir do día 24 de outubro. A inscrición débese facer en liña, na ligazón: www.eoidigital.com/preinsxunta e, estará aberta entre os días 24 e 28 deste mes.

 

A oferta educativa inclúe os seguintes cursos: Básico A1 e A2; Intermedio B1, B2.1 e B2.2, así como Avanzado C1.1 e C1.2. Máis información na web: www.eoisantiago.org, ou no número de teléfono do instituto Xulián Magariños: 881 867 126.

coro

Negreira continúa no grupo de concellos con menos de sete casos activos durante os últimos sete días, segundo reflexa a última actualización de datos da Consellería de Sanidade, con data do 22 de outubro.

 

O Concello informa de que o número de casos activos de Covid19 en Negreira é a día de hoxe, e segundo datos aportados polas autoridades sanitarias, de 4 casos, detectados a través das probas PCR que Sanidade está a facer entre a poboación.

 

Sendo moi positiva a evolución á baixa, lémbrase á cidadanía a importancia de manter as medidas de protección como evitar o contacto masivo e mailo uso de máscara en todos os ámbitos, con especial chamamento nas xuntanzas de amizades e familiares que dende este xoves 22 de outubro, quedan limitadas a grupos dun máximo de cinco persoas.

 

Cómpre lembrar que entre todos e todas debemos apelar á responsabilidade individual para conter o avance do novo virus e así, evitar a súa propagación entre a cidadanía.

DSC_0197.JPG

Dentro do labor divulgativo sobre a problemática do sector enerxético e os efectos sobre o quecemento global, a través da itinerancia, chega a Negreira a exposición "O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción", que ata o 16 de novembro divulga a través da dezaoito paneis, diferentes aspectos do sector enerxético e busca sensibilizar aos visitantes sobre as verdadeiras causas o cambio climático utilizando para iso novos métodos de divulgación científica que poden resultar máis interesantes para o público.

 

FOTO2-cb.JPG

Esta actividade está financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación, e pode verse na entrada ó Centro Sociocultural da vila.

 

 

DSC_2727.JPG

O Concello de Negreira, ante a actual normativa en vigor co decreto da Consellería de Sanidade co establecemento do nivel 2 de restricións en toda Galicia, circunstancia que incide tamén nos aforos e, onde ademais se limitan as reunións a grupos dun máximo de cinco persoas; decidiu aprazar o comezo do curso das escolas deportivas e culturais que fora programado para o luns día 2 de novembro, debido á imposibilidade de impartir as clases polas restricións vixentes.

 

Infórmase á veciñanza en xeral anotada para estas actividades, que polo de agora, non é necesario efectuar o ingreso bancario da cota polas actividades e que a nova data de inicio non pode ser fixada polo de agora, polo que informarase en canto haxa a seguridade suficiente de iniciar as actividades.

 

Recomendamos que descarguen nos seus dispositivos móbiles á aplicación TokApp, a través da cal, e grazas ás novas listaxes de usuarios e usuarias das escolas deportivas e culturais, proporcionaranse os avisos efectivos de todo o relacionado e que deban saber sobre as escolas deportivas e culturais.

coro.jpg

O Concello informa que o número de casos activos de Covid-19 en Negreira é a día de hoxe, e segundo datos proporcionados polas autoridades sanitarias, de 1 caso activo, detectado a través das probas PCR que Sanidade está a facer entre a poboación.

 

Sendo moi positiva a evolución á baixa, lémbrase á cidadanía a importancia de manter as medidas de protección como evitar o contacto masivo e mailo uso de máscara en todos os ámbitos, con especial chamamento nas xuntanzas de amizades e familiares que lembremos seguen limitadas a grupos dun máximo de cinco persoas non convivintes.

 

Cómpre lembrar que entre todos e todas debemos apelar á responsabilidade individual para conter o avance do novo virus e así, evitar a súa propagación entre a cidadanía do noso concello.

 

O Concello de Negreira quere agradecer o bo comportamento da veciñanza e mándavos unha mensaxe de ánimo!

moduloatletismo.jpg

Este martes visitou o noso concello Roberto García Fernández, xefe do Servizo Provincial de Deportes de A Coruña, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a fin de coñecer de primeira man, o proxecto para construir un módulo de atletismo no Complexo Deportivo Municipal de Pedra Mámoa, composto por 5 rúas de velocidade, un foso para salto de lonxitude e unha zona de lanzamento.

 

Neste encontro participaron o alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez; o portavoz do Partido Popular, Rubén Suárez Carballo; a concelleira do PP, María José Carballo Villar, e mailo presidente do Club Atletismo Negreira, José Manuel García Estévez.

 

Roberto García acolleu favorablemente a iniciativa para dotar aos deportistas locais dunhas instalacións acorde aos tempos e necesidades tralos importantes logros deportivos acadados nos últimos anos coa consecución de campionatos de Galicia e de España.

 

Agardamos que a boa colaboración entre administracións permita facer realidade un proxecto “ilusionante” para os xóvenes e veciñanza en xeral que practica o deporte no noso municipio e da comarca.    

PEL-REACTIVA-5.jpg

A Deputación da Coruña publicou este mércores 28 de outubro no Boletín Oficial da Provincial (BOP), a resolución pola que aprobouse a concesión definitiva das subvencións correspondentes ao Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña, PEL-Reactiva. O montante total é de 12,5 millóns de euros que se distribuirán entre os profesionais autónomos/as e microempresas cuxo negocio se vise afectado pola pandemia da Covid-19.

 

Os concellos tramitarán as axudas

Na primeira semana do mes de novembro, serán os concellos os que pasen a canalizar todas as solicitudes do seu tecido empresarial. Nos cinco días hábiles seguintes á publicación da resolución de asignación de fondos, os concellos deberán remitir a súa convocatoria específica de axudas á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), para rexistrala e publicala no Boletín Oficial da Provincia.

 

O reparto de fondos aos concellos realizase de forma absolutamente obxectiva, baseándose no número de autónomos/as e microempresas de cada municipio. No tocante ao concello de Negreira, o montante total das axudas ascende a 130.210,86 €.

 

Unha vez que a Base de Datos Nacional de Subvencións publique a convocatoria específica de cada concello no BOP, ábrese prazo para que os autónomos e microempresas poidán solicitar directamente no seu concello as axudas, que se rexistrarán de xeito telemático, a través da Sede Electrónica. A axente de desevolvemento local, Sonia Ponte, será a encargada de supervisar o proceso e resolver calquera dúbida. O prazo para presentar as solicitudes rematará ás 14:00 horas do día 25 de novembro de 2020.

 

Beneficiarios

Estas axudas da liña PEL-Reactiva poderán solicitalas os autónomos, autónomas e microempresas con domicilio fiscal nalgún dos 88 concellos adheridos ao fondo, que se viran afectadas polo peche do negocio durante o estado de alarma, así coma aquelas que viran reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acolleran a un ERTE como consecuencia da situación de crise sanitaria orixinada pola COVID-19.

 

As subvencións, compatibles con outras prestacións municipais, oscilarán entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia sen traballadores ao seu cargo e, os 3.000 euros aos que poden optar as microempresas e autónomos/as que conten cun cadro de persoal, de entre 6 e 9 traballadores/as.

 

 

Os fondos poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da pandemia como pode ser a compra de mamparas de protección, a adquisición de produtos hixiénicos e de limpeza, material antiséptico ou desinfectante, así como a gastos correntes de subministracións de auga, luz, gas, etc.

coro.jpg

O Concello informa que o número de casos activos de Covid-19 en Negreira é a día de hoxe, e segundo datos proporcionados polas autoridades sanitarias, de 5 casos activos, detectados a través das probas PCR que Sanidade está a facer entre a poboación.

 

Sendo positiva a evolución da situación sanitaria no noso concello, máxime tendo en conta a mala situación na que se atopan os concellos da contorna de Santiago de Compostela, lémbrase á veciñanza a importancia de manter as medidas de protección como evitar o contacto masivo e mailo uso de máscara en todos os ámbitos, con especial chamamento nas xuntanzas de amizades e familiares que lembremos seguen limitadas a grupos dun máximo de cinco persoas non convivintes.

 

Cómpre lembrar que entre todos e todas debemos apelar á responsabilidade individual para conter o avance do novo virus e así, evitar a súa propagación entre a cidadanía do noso concello.

 

O Concello de Negreira quere agradecer o bo comportamento da veciñanza e mándavos unha mensaxe de ánimo!