Igrexa de Santa Olalla ou Baia de Logrosa

A Igrexa de Santa Olalla ou Baia de Logrosa é testemuña de arte desde as culturas prehistóricas e parece ter sido unha área intensamente romanizada. No seu adro acháronse sartegos antropoides.

 

Atópase unha pía bautismal que data dos séculos X-XI que caracterízase tanto polos temas dos seus gravados, uns debuxos con formas de animais, como pola técnica utilizada para a súa realización, a de reserva mediante cicel.

Igrexa Parroquial de San Estevo de Landeira

O seu arco triunfal, na capela maior, deprimido, é o seu único vestixio conservado do primitivo templo do medievo. Son importantes as súas columnas con capiteis vexetais esquemáticos e as súas bases áticas, detalles propios do modo de facer románico. No ano 1928 déronlle máis alto os muros para facer unha bóveda de tixolos, facendo que desaparecesen do exterior as solucións do románico.

Igrexa de Liñaio

No Sueste do Concello está a parroquia de Liñaio e nela podemos contemplar unha igrexa con fachada do século XVIII de porta de catro orellas e espadana sobre entaboamento de placas.

No interior, pódese ver prebisterio que conta cunha bóveda de crucería que a cobre, estrelado por terceles rectos, con catro puntas e nervios de sección mistilínea.

 

O seu retablo é totalmente pétreo e contén a imaxe de dous San Martiño (santo titular da parroquia): O Papa e o Bispo acompañados de outras tallas e elementos decorativos en granito policromados con perfeccións realizadas en espírito renacentista. 

Capela do Evanxeo, Lueiro

Ó sur do Concello, atopámonos coa Capela do Evanxeo. No seu interior existe un retablo da Virxe Peregrina realizado en granito policromado neoclásico.

 

Doutra banda, pertencente a arte medieval, atopamos a Cruz procesional de Lueiro, latina e florenzada, inscrita tamén no goticismo en a oirivería compostelá dos anos 1500.

Igrexa de Covas

Entre as parroquias de Negreira e Zas, ó Norte  do concello está a parroquia de Covas. Nela atopámonos cunha igrexa que aparenta ser moi sinxela. No seu exterior non se atopan adornos mentres que no seu interior posúe un retablo rococó no cal se enmarca a Virxe das Neves, acompañada dunha lámpada isabelina de latón.

Esta Virxe ofrece solucións góticas: o neno no colo, pregues acartonados e túnicas, rostros macizos e frontalidade. Podería datarse do século XVI con sabor do XV.

Como se pode contemplar, esta igrexa non ten campanario integrado, o cal atópase a uns metros, illado do templo parroquial, situado nun terreo máis elevado ca igrexa para convocar mellor a veciñanza. Este campanario posúe unha espadana co XVIII.

Igrexa de Broño

Ó Norte do concello está a parroquia de Broño. Nela podemos atopar unha igrexa de estilo neoclásico con planta rectangular e tellado a dúas augas.

A súa fachada, datada do 1781, é obra dun arquitecto seguindo o modelo de San Fiz de Solovio en Santiago de Compostela, do arquitecto Simón Rodríguez.

Esta fachada amosa pilastras laterais que rematan en capitel con molduras que parecen conformar no cume un frontón triangular.

Igrexa de Aro

Aro é a parroquia de maior extensión e atópase no centro do concello. Nela está unha igrexa que data de finais do XVIII e principios do XIX.

Antes de chegar á Igrexa, atopámonos cunha praza denominada “Praza da Igrexa” desde 1999 que favorece o camiño ata a entrada da mesma.

Esta igrexa posúe unha nave única e conta cunha grande bóveda de canón corrida que denota alarde técnico e sensación de robusteza. No seu prebisterio atópase unha bóveda de arestas.

Cabe destacar o reparto das fachadas laterais en tramos e a fachada principal cun frontón recto e partido.