xenero241018.jpg

A presente convocatoria ten por obxecto a concesión dos premios do VIII Concurso de relatos curtos e cartaces gráficos ¨Loita contra a violencia de xénero¨, promovido dende o Concello de Negreira, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co fin de sensibilizar á veciñanza sobor desta lacra social. O prazo de presentación de traballos é o comprendido entre o 22 de outubro e mailo 22 de novembro.

 

No concurso poderán participar tódalas persoas menores de 18 anos, e os traballos presentados deberán entregarse no Centro de Información á Muller, nun sobre pechado, facendo constar un número de teléfono de contacto e en ningún caso de verá aparecer o nome da persoa participante. A identificación do autor/a levarase a cabo mediante o uso dun pseudónimo.

 

Entre tódolos traballos recibidos, un xurado independente seleccionará os gañadores de cada modalidade e concederá os seguintes premios:

 

-  Premio ó mellor relato curto: Vale agasallo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda de Negreira.

-  Premio ó mellor cartaz gráfico: Vale agasallo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda de Negreira.

 

Entrega de premios

 

Terá lugar o sábado día 24 de novembro ao remate da sétima andaina ¨Negreira camiña contra a violencia de xénero¨, no Centro Sociocultural. A organización contactará previamente cos premiados/as por teléfono para que asistan ó acto de entrega e recollan o seu agasallo persoalmente.

 

Pódense consultar as bases do concurso premando aquí:

 

rodeiro241018.jpg

O delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o parque empresarial de Negreira para comprobar os proxectos de mellora das infraestruturas viarias e da seguridade do mesmo, e que se van realizar nas vindeiras semanas grazas a unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industrial de 172.674 euros, cantidade á que hai que engadirlle a aportación do propio Concello.

 

O alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, acompañou ao delegado territorial, xunto ao primeiro tenente de alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, e os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular, Juan Rey e María José Carballo, quenes comprobaron que o investimento permitirá dotar ao polígono negreirés dun sistema de videovixilancia e dun aparcadoiro para vehículos pesados.

 

Esta actuación forma parte da orde de axudas a través da cal a Xunta investirá 395.000 euros para mellorar os parques empresariais da área de Santiago en catro concellos: Negreira; Melide; Ordes e Santa Comba. 

romanico251018.jpg

Un grupo de estudantes de 2º de ESO do instituto Xulián Magariños participaron este luns nun roteiro polas igrexas románicas de Santa María de Paramos, en Val do Dubra; Santa Baia de Lañas, na Baña, e a de Santa María de Portor, en Negreira.

 

A ruta fíxose en autobús e foi guiada polo técnico municipal de Turismo, Eutropio Rodriguez, licenciado en Historia da Arte e en Fotografía Documental polo International Center of Photography de Nova York.

 

Na viaxe, falouse con gran interese por parte dos rapaces, das principais características do románico visibles en cada unha das igrexas, ademáis de comentar as súas posteriores reformas.

 

A igrexa de Paramos destaca polo seu románico rural do século XIII, conservando a súa cruz latina na planta e fermosas cruces antefixas, así como algún elemento de oratorios anteriores propios do prerrománico do século X. Por contra, a de Santa Baia de Lañas é un fermoso exemplo do románico da segunda metade do século XII, facilmente datable grazas ó descobremento dun Dolio, aerófono de barro dunha soa nota, recentemente nun dos seus canzorros.

O Concello de Negreira convoca aos empresarios do sector da hostalaría a unha xuntanza que terá lugar o martes día 6 de novembro, ás 21:00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura (Carreira de San Mauro, nº 11), para abordar a organización dunha ruta das tapas, en continuidade co que se viña facendo nestes últimos anos entre bares, cafeterías e restaurantes da vila de Negreira.

 

O Concello, quen fará chegar aos interesados/as unha comunicación de forma individual, agarda a asistencia do maior número de profesionais do sector da hostalaría.

meigas261018.jpg

A Escola Municipal de Teatro baixo a dirección de Sandra Lesta, presenta este mércores 31 de outubro, ás oito da tarde, e na Casa do Concello, unha actuación na noite de defuntos cun arrepiante ¨Xuízo de meigas¨, con funcións en grupos de entre 15 e 20 persoas e diferentes pases: 20:00; 20:20; 20:40; 21:00; 21:20 e 21:40 horas.

 

Estades convidados/as a participar nunha actuación enmarcada na celebración da festa do Samaín, estando dirixida a maiores de 12 anos.  

somoscriminais.jpg

A comedia Somos Criminais, o espectáculo do momento en Galicia, pechou o pasado venres no Auditorio do Centro Sociocultural o exitoso ciclo de monólogos do Concello de Negreira polo que na presente edición pasaron os cómicos Oswaldo Digón e Juan Muñoz, xunto aos dous protagonistas do fin de ciclo.

 

Os actores Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, dramatizan nesta comedia sobre os crimes autóctonos en todas as súas variables, desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, o crime familiar polas herdanzas, ou o asasinato por suxestión.

defensapersoal.jpg

O municipio de Negreira foi seleccionado pola Secretaría Xeral dá Igualdade para impartir un curso de defensa persoal e autocapacidade dirixido a mulleres, de oito horas de duración e impartido por membros das forzas e corpos de seguridade do Estado.

 

Trátase dun curso de adestramento físico e psíquico para crear protocolos de actuación ante diversas situacións, impartindo técnicas de prevención e autoprotección, cuxas datas de celebración son os sábados 10 e 17 de novembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

 

As prazas son limitadas, e para máis información hai que dirixirse ás oficinas do Centro de Información ás Mulleres (CIM), na pranta baixa da Casa do Concello, ou no número de teléfono: 981 886 320.

 

Esta actividade inclúese no acordo de colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias para conformar unha rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

manuelpenas.jpg

Conta atrás para unha das grandes citas do calendario atlético do outono en Galicia coa trixésimo novena edición da Carreira Popular de Negreira, máis coñecida como ¨A Clásica¨, os 10.000 metros cos mellores tempos de Galicia e o número catorce no ranking nacional do pasado 2017 e que terá lugar este domingo 11 de novembro, coas probas de 5K e 10K, así como as catro probas escolares.

 

Este mércores péchasen as inscricións e xa supera o milleiro de atletas inscritos en todas as categorías e con máis de seiscentos nas distintas probas escolares, o que equivale a un considerable ascenso de inscricións que aínda poden formalizarse na web: www.aclasicadenegreira.gal.

 

Entre os ilustres inscritos atópase Lolo Penas, vencedor en tres edicións: 2005; 2006 e a última en 2013 sendo o último galego en gañar a proba. O catro veces campión de España absoluto participará co seu novo equipo, o Atletismo O Pino, polo que acaba de fichar. E é que a concesión de premios en metálico aos mellores atletas galegos (200, 100 e 50 euros, respectivamente, en homes e mulleres), esperta o interese por unha carreira dominada polas gacelas africanas.

 

Tamén está confirmada a presenza da olímpica portuguesa, Marisa Barros, quen xa sabe o que é gañar en Negreira en 2010. Barros participou nos Xogos Olímpicos de 2008 en Pekín e 2012 en Londres, onde foi decimo terceira na proba de maratón, ademais de participar nos Campionatos do Mundo de Berlín (2009), e de Europa, en Barcelona (2010). Tamén ostenta a mellor marca desde 2009 feita por unha atleta na maratón de Sevilla.

 

A organización, que recae no Concello de Negreira, tamén confirmou a participación de Sara Vieites, a nena de Cee que cunha parálisis cerebral que lle dificulta a súa movilidad, pese ao cal derrubou numerosas barreiras, sendo un exemplo de superación grazas ao deporte, e quen foi a madrina de honor da última edición da Gala do Deporte de Negreira.

 

marisabarros.jpg

turismo061118.jpg

Dende o 7 de maio até o 15 de outubro deste ano pasaron polo Punto de Información Turística do Concello de Negreira, un total de 7.440 persoas. Non é nin moito menos o número real de turistas nin peregrinos que chegan a Negreira, pois só unha mínima parte pasa por este punto informativo.

 

Destas 7.440 persoas, compre dicir que 3.398 foron cidadáns españois; 923 italianos; 566 de Alemaña; 489 franceses, e 447 portugueses, segundo os datos rexistrados polo persoal que atendeu este punto informativo dende maio a outubro.

 

A continuación detallamos mes a mes o número de persoas que realizaron consultas:

Maio – 905 dos que 873 era a primeira vez (96,46%)

Xuño – 1.091 dos que 1.045 era a súa primeira vez (95,78%)

Xullo – 1.255 dos que 1.187 era a súa primeira vez (94,58%)

Agosto – 1.857 dos que 1.826 era a primeira vez (98,33%)

Setembro – 1.531 dos que 1.495 era a primeira vez (97,65%)

Outubro – 801 dos que 772 foi a súa primeira vez (96,38%)

 

En canto aos principais motivos de consulta, a información sobre o Camiño de Fisterra, aloxamento específico e mailo selo do peregrinos, foron por esta orde os que coparon o interese dos visitantes que se achegaron polo Punto de Información, xunto co aloxamento xeral e servizos como supermercados.

carreira061118.jpg

O maior evento deportivo de Negreira precisa do apoio e colaboración de toda a veciñanza para que a XXXIX Carreira Popular poida desenvolverse coas máximas garantías de seguridade dos corredores/as inscritas nas seis probas da gran festa do deporte na rúa, este domingo 11 de novembro.

 

Para iso é necesario respetar as prohibicións de estacionamento e circulación de vehículos nas rúas e estradas polas que transita o circuíto homologado pola Federación Española de Atletismo. Sempre seguindo as indicacións dos corpos de seguridade, dígase Garda Civil de Tráfico, Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, así como os voluntarios que colaboran para o normal desenvolvemento da carreira.

 

O Concello lembra que dende a tarde do sábado quedará restrinxido o estacionamento en toda a rúa do Carme e maila rúa de Castelao, zona onde está situada a liña de saída e meta da Carreira Popular. Prégase aos residentes e visitantes, que retiren os seus vehículos antes da medianoite do domingo, pois avisarase ao guindastre para proceder a súa retirada.

 

O Concello de Negreira agradece de antemán, a colaboración da cidadanía, así como a colaboración das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de: Negreira; Ames; Muxía; A Pobra do Caramiñal; Mazaricos; Outes, Val do Dubra e Corcubión.

 

circuito091117.jpg

 

Horarios e rúas afectadas

 

1ª Carreira: 5.000 metros (1 volta)

Saída: 10:00 horas

Percorrido: Rúa de Castelao; Teresa Fabeiro; Rosalía de Castro; avenida das Brañas; Xanín; rotonda de Ceilán; comprexo deportivo de Pedra Mámoa; Parque Empresarial; avenida de Barcala; rúa da Cachurra; rúa do Carme e META na rúa Castelao.

Peche de control: 10:50 horas

 

2ª Carreira: 10.000 metros (2 voltas)

Saída: 10:50 horas

Percorrido: Rúa de Castelao; Teresa Fabeiro; Rosalía de Castro; avenida das Brañas; Xanín; rotonda de Ceilán; comprexo deportivo de Pedra Mámoa; Parque Empresarial; avenida de Barcala; rúa da Cachurra; rúa do Carme e META na rúa Castelao.

Peche de control: 12:05 horas

 

3ª Carreira: 1.200 metros. Categorías: Alevín e Infantil

Saída: 12:05 horas

Percorrido: Rúa de Castelao; Teresa Fabeiro; Rosalía de Castro, avda das Brañas; rúa da Cachurra; rúa do Carme e META na rúa Castelao.

 

4ª Carreira: 1.200 metros. Categoría Benxamín

Saída: 12:25 horas

Percorrido: Rúa de Castelao; Teresa Fabeiro; Rosalía de Castro, avda das Brañas; rúa da Cachurra; rúa do Carme e META na rúa Castelao.

 

5ª Carreira: 250 metros. Categoría Prebenxamín

Saída: 12:35 horas

Percorrido: Rúa do Carme e META rúa Castelao.

 

6ª Carreira 200 metros. Categoría Chupetes

Saída: 13:00 horas

Percorrido: Rúa de Castelao e META.