DSC 2483

O Concello de  Negreira abre este luns, día 8 de maio, o prazo de inscrición para participar no Campamento Urbano Respira, a desenvolverse durante os meses de xullo e agosto, nas dependencias do CEIP O Coto. Está dirixido a familias con menores de 3 anos (escolarizados) a 12 anos. Son prazas limitadas.

Requisitos de acceso. Poderán acceder sempre que cumpra os dous requisitos:

-Familias con empadroamento en Negreira.

-Familias nas que ambos proxenitores ou titores legais estean traballando ou en situación de busca activa de emprego ou formación laboral.

 

Para a adxudicación das prazas terase en conta a orde dos seguintes criterios recollidos no Regulamento do “Programa Negreira Concilia (Madrugadores e Merendas), Diververán (BOP 8 de marzo de 2022, núm. 45):

1º criterio.- Familias que aporten Informe Social que indique a necesidade do servizo en base a circunstancias socioeconómicas

e familiares.

2º criterio.- Familias con fillas/os de mulleres vítimas da violencia de xénero.

3º criterio.-Familias monoparentais.

4º criterio.- Familias numerosas.

5º criterio.- Familias nas que algún das/os proxenitores teñan o seu posto de traballo no Concello de Negreira.

6º criterio.- Calquer usuario/a.

 

O campamento abarca desde o 1 de xullo ao 31 de agosto, podendo as familias elexir as quendas que necesiten, quedando distribuídas da seguinte maneira co seu correspondente prezo público recollido na ordenanza (11 de marzo de 2022):

1ª quenda: do 1 ao 15 de xullo

2ª quenda: do 16 ao 31 de xullo

3ª quenda: do 1 ao 15 de agosto

4ª quenda: do 16 ao 31 de agosto

 

Documentación:

- Modelo normalizado de ficha de inscrición

- DNI dos responsables do menor

- Libro de familia, sentenza ou resolución administrativa que acredite a relación xurídica entre ambos

- Tarxeta sanitaria do/a menor

- Declaración do IRPF e no caso de non presentala certificación negativa

- Xustificante bancario de ingreso do prezo público

- Xustificante da situación de emprego (Informe vida laboral, última nómina, pago último recibo de autónomos).

- Xustificante da necesidade do servizo por incompatibilidade horaria( certificado de demandante de emprego, xustificante de realizar unha busca activa de emprego, xustificante de asistencia a accións de formación laboral).

 

O horario do campamento será de 8:30 a 14:30 horas. As familias poderán facer uso do servizo en función das súas necesidades permitindo a entrada e saídas flexibles. Para o bo desenvolvemento das actividades programadas, recoméndase a aquelas familias que non vaian a facer uso do horario completo do campamento, incorporarse ao mesmo sobre ás 10:00 h. e saída a partir das 13:30h.

 

Exención e bonificación.

Segundo as circunstancias da unidade familiar aplicaranse os seguintes descontos:

1.- Exención: A emisión dun Informe Social do departamento de servizos sociais que indique a necesidade do servizo sen que haxa posibilidades económicas para abonar o custo do mesmo conlevará a exención da cota.

2.- Bonificación: Cando asistan ao mesmo servizo varios irmáns de xeito simultáneo, o segundo irmán e sucesivos terán un desconto dun 50%.

 

O persoal técnico responsable do servizo poderá requerir outra documentación complementaria ou adicional que se precise.

As solicitudes poden presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello, ou de xeito presencial no Rexistro xeral do Concello de Negreira, en horario de 9:00 h a 14:00 h de luns a venres, desde o 8 ao 19 de maio.

Prezo: 100 €/mes; 50€/quincena.

 

 

Ardeiro

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe o acto de entrega da edición da obra gañadora na convocatoria de 2022 do Certame de poesía “Xosé M. López Ardeiro”, que recaeu en Caderno de camiño, obra do escritor, profesor e xornalista, Xosé A. Neira Cruz. Ao premio económico de 2.500 euros que xa foi entregado en decembro pasado polo Concello de Negreira, súmase agora a publicación do poemario gañador coa entrega dun lote de 300 exemplares.

 

Este acto serveu ademais, para a convocatoria da XII edición do certame, cuxo prazo de presentación de obras estará aberto desde o mes de xullo ao de decembro de 2023. Poderán participar nel, as obras poéticas escritas en lingua galega, orixinais e inéditas, cunha extensión de entre 350 e 700 versos como máximo.

 

A obra gañadora recolle 51 poemas distribuídos en seis capítulos: Subida polos anos; Un pestanexo do inverno; Parada no medio do trebón; Aprender a ulir a chuvia; Polo arame dun raio de sol e Arrastrando séculos sumados.

 

FOTO 2

Na entrega participaron o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o presidente do xurado, o crítico e escritor José Antonio Ponte Far, e o tamén poeta e membro do xurado, Xulio López Valcárcel, que tamén fíxoo en representación de Medulia Editorial, responsable da edición da obra.

 

Anxo M. Lorenzo salientou o perfil do gañador: “Unha persoa que forma parte da Real Academia Galega, profesor e investigador, cunha ampla bagaxe literaria, e autor de máis de trinta obras de creación”, subraiou Anxo M. Lorenzo.

 

Xosé A. Neira Cruz: “É realmente unha honra sumar o meu nome a ese elenco xa importante de autores e autoras, que a súa vez sumaron os seus nomes ao de Pepe Ardeiro. Estou moi agradecido”, afirmou.

 

O alcalde negreirés, Manuel Ángel Leis Míguez, pechou o acto dicindo que agarda que este ano “continúe o certame, estea quen estea na alcaldía, e sigan colleitando o éxito das últimas edicións con tantas obras presentadas”, subraiou Ángel Leis.

 

Audio do acto

 

DSC 2910

A Lei marca que o día 31 de maio de 2023, todos os terreos ubicados nas chamadas franxas secundarias de seguridade, os 50 metros de terreo na contorna a núcleos habitados, vivendas illadas e outras construccións, deben manterse libres de maleza e de especies pirófitas coma eucaliptos e pinos, de cara a reducir o risco en caso de incendio.

DSC 2897

A veciñanza de Negreira votou cun 74,09% de participación e 4.196 votos emitidos nas urnas este 28M (117 máis que en 2019), dos cales resultaron válidos 4.144 (98,76%). A abstención elevouse a 1.467 persoas (25,90%) sobre un censo electoral de 5.663 votantes. Houbo 49 votos en blanco (1,18%) e 52 nulos (1,23%).

 

A vitoria nestas Eleccións Municipais foi para o Partido Popular, con 2.001 votos (48,28%), e unha diferenza de 247 sobre a segunda formación máis votada, o Partido Socialista que obtivo 1.754 sufraxios (42,32%). O Bloque Nacionalista Galego foi a terceira forza con 340 votos (8,20%).

 

Con estes datos, a nova Corporación Municipal resultante destes comicios locais e que tomará posesión o sábado, día 17 de xuño de 2023, estará conformada por 6 representantes do Partido Popular; outros 6 do Partido Socialista e 1 do Bloque Nacionalista Galego. En total 13 concelleiros e concelleiras.

 

Cadro resultados

MONTAXE DNI

Infórmase á veciñanza de Negreira que o luns, día 3 de xullo de 2023, terá lugar unha nova renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI), co desprazamento do Equipo Móbil da Policía Nacional ata Negreira.

O lugar para a tramitación é a entrada ao Centro Sociocultural, a partir das nove da mañá e, a entrega dos novos documentos terá lugar, o mércores 5 de xullo no mesmo lugar.

As persoas interesadas deben anotarse a partir do luns, día 5 de xuño, chamando aos seguintes números de teléfono: 981 885 250 // 881 035 142.

C2.JPG

Con motivo da próxima celebración das Eleccións Xerais, o domingo día 23 de xullo, procede a realización das tarefas necesarias para que o Censo Electoral se axuste á realidade, consonte ó disposto pola lexislación vixente.

 

A tal fin, se sinala como prazo de exposición pública das listas do Censo Electoral, o comprendido entre os días 5 e 12 de xuño de 2023, ámbolos dous días inclusive.

 

A consulta e eventual reclamación contra as referidas listaxes efectuarasen na Casa do Concello, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

 

Para calquer aclaración ou información adicional, pódese comunicar telefónicamente cos seguintes números: 900 343 232 e 981 217 439.

 

 

DSC 2899

As persoas interesadas en realizar unha fogueira na noite máxica do San Xoán e en terreo privado, deberán presentar a solicitude correspondente con data límite do día 21 de xuño de 2023, por algunha das seguintes vías:

•    Rexistro telemático, a través da sede electrónica do Concello de Negreira.

•    Na oficina do Rexistro Xeral do Concello (8.00h a 14.00h).

 

Só se permitirán as cacharelas en terreo publico lousado, asfaltado ou pintado, sempre e cando sexa solicitado mediante sede electrónica, por aquelas asociacións que presenten ademais, un seguro de responsabilidade civil que cubra os posibles danos ocasionados no mesmo. A data límite será a mesma. Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematar a cacharela e/ou sardiñada.

 

Para o normal desenrolo da cacharela:

- As fogueiras deberán separarse como mínimo 15 metros das vivendas, e 50 das masas árboreas ou zonas vexetais. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo dos tendidos eléctricos ou telefónicos.

- A hora límite para rematar a celebración é as 03.30 h da madrugada, de acordo co disposto no art. 5f da Lei 10/ 2017 de 27 decembro de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

- Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, aceites, e en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se queimarán recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases de presión, incluidos os baleiros.

- Sobre terreos con vexetación herbacea, previo ó inicio do lume, farase unha devasa do material combustible nunha franxa de polo menos 9 metros de ancho, rodeando o perímetro.

- Será vixiada polas persoas responsables ata a súa total extinción, asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante o vento, suspenderase de inmediato.

 

Teléfonos de contacto:

Policía Local:       676 454 882

Protección Civil: 673 359 936

Emerxencias:       112 

foto piscina o coto

 O Concello de Negreira informa que o xoves, día 15 de xuño, abrirán ó público para a tempada estival, as dúas piscinas municipais ao aire libre do Parque do Coto, prolongándose a tempada ata o día 15 de setembro.

 

O seu horario de apertura durante os meses de xuño e setembro será de 16:00 a 20:30 horas; e durante os meses de xullo e agosto, de 10:00 a 15:00, e de 16:00 a 20:30 horas. O prezo da entrada será de 1 euro.

 

Abonos

- Mensual: 10 €
- Tempada: 20 €
- Familiar: 30 €
- Familia numerosa: 40 €

 

Cursos de natación

Durante os meses de xullo e agosto, de luns a venres, e en horario de mañá, haberá cursos intensivos de todos os niveis dende os 2 anos, mediante o pago dunha cota de 8 euros, entregándose o xustificante do ingreso bancario e maila solicitude cuberta, na Delegación de Cultura e Deportes, na primeira pranta da Casa da Cultura (Carreira de San Mauro, 11), ou ben remitindo o impreso e mailo xustificante á seguinte dirección de enderezo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

 

DSC 0660

Mediante acordo do 9 de maio de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, sométese a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto da LAT 66 kV evacuación parque eólico Outes nos concellos de Negreira, Outes e Noia (A Coruña), (expediente IN408A 2020/108).

 

A empresa solicitante é Norvento, S.L.U., e o proxecto conta cun orzamento de execución material de 1.488.072,34 €. O prazo de execución é de seis meses.

 

O prazo de presentación de alegacións é de quince (15) días, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG).

 

Publicación no DOG do 15 de xuño de 2023

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230615/AnuncioV0653-090523-0002_gl.html

eólicos

Mediante resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, outorgase a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Alvite II, sito nos concellos de Mazaricos, Negreira e Santa Comba, na provincia de A Coruña e, que está promovido pola empresa Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/016).

O orzamento de execución material ascende a: 11.157.642 euros. Potencia autorizada/máxima evacuable: 17,7 MW. Produción neta: 41.430 MWh/ano.

 

Instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

-Tres aeroxeradores modelo NORDEX N155 ou similar, de 5,9 MW de potencia nominal unitaria, 120 m de altura da buxa e 155 m de diámetro de rotor.

– Tres centros de transformación trifásicos de 6.500 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/30 kV, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador.

– Unha torre meteorolóxica de 120 m de altura.

– Un centro de seccionamento a 30 kV e constituído por un edificio de dúas salas:

• Unha sala como centro de interconexión, na cal se aloxarán as celas de 30 kV e o tansformador de servizos auxiliares de 50 kVA.

• Unha sala para o centro de control, onde se aloxarán os elementos de control, equipos auxiliares, sistema de comunicación, protección, corrente continua, etc.

– Un sistema colector de media tensión (MT) formado por un circuíto de 30 kV en instalación soterrada, que ten como obxecto a canalización da enerxía xerada ata o centro de seccionamento. O cable utilizado será de tipo XLPE 18/30 kV Aluminio de diferentes seccións.

– Unha rede de posta a terra, constituída por condutor de cobre espido, de sección mínima 50 mm2.

– Rede de comunicacións con cable de fibra óptica.

 

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

 

Publicación no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230613/AnuncioV0653-020523-0003_gl.html