aula

Este luns 16 de xuño, a partir das nove da noite na Aula Cemit, no Centro Sociocultural, o Goberno local convidou aos responsábeis dos negocios de hostalería e restauración para “analizar e valorar a situación actual”, cando a problemáticas, opinión ou calquera outro tema que poida xurdir durante a xuntanza.

Nunha carta remitida ao sector, dende o Goberno municipal sinalan que “entre todos podemos atallar e mellorar calquera aspecto que atinxa ao sector e que poidamos dar un bo servizo e imaxe dun concello que ten como un motor económico moi importante ao Camiño de Santiago e o turismo”, afirma.

Dende o equipo de goberno agradecen de antemán contar coa presenza do máximo posible de representantes da hostalería local.

San Xoan 2025

O Concello de Negreira abriu o procedemento para a solicitude de permisos para a realización das fogueiras na noite de San Xoán, o cal pode facerse efectivo ata as 14:00 horas do venres, día 20 de xuño, na Casa do Concello.

As persoas solicitantes deberán ser maiores de idade. Deberán coidar os arredores e coñecer os números de teléfono de Emerxencias (112), ou Garda Civil (062).

A tramitación dos permisos pódese facer por vía presencial, no Rexistro Xeral do Concello, na rúa do Carme, 3 baixo, ou mediante a sede electrónica, a través da web: www.concellodenegreira.gal

Normas

En zona urbana, o volume de combustible do lume non deberá superar os 3 metros de perímetro, nen o metro de altura. En zonas rurais, a cacharela non poderá exceder os 6 metros de perímetro nen os 3 metros de altura. A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano será de coma mínimo 12 metros.

Debe poñerse especial coidado de non situar as cachelas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

Doutra banda, lembremos que está prohibida a queima de neumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, de xeito xeral, calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (aerosois), aínda estando baleiros.

Os organizadores deberán atender as indicacións da Policía Local e dos Bombeiros. Non se aproveitará a cachela para queimar restos domésticos, agrícolas ou forestais.

piscina

O Concello de Negreira informa que o sábado, día 14 de xuño, abrirán ó público para a tempada estival, as dúas piscinas municipais ao aire libre do Parque do Coto, prolongándose a tempada ata o día 14 de setembro.

O seu horario de apertura durante os meses de xuño e setembro será de 16:00 a 20:30 horas; e durante os meses de xullo e agosto, de 10:00 a 15:00, e de 16:00 a 20:30 horas. O prezo da entrada será de 1 euro.

Abonos

- Mensual: 10 €
- Tempada: 20 €
- Familiar: 30 €
- Familia numerosa: 40 €

 

Cursos de natación

Durante os meses de xullo e agosto, de luns a venres, e en horario de mañá, haberá cursos intensivos de todos os niveis dende os 2 anos, mediante o pago dunha cota de 8 euros, entregándose o xustificante do ingreso bancario e maila solicitude cuberta, na Delegación de Deportes, na primeira pranta da Casa da Cultura (Carreira de San Mauro, 11), ou ben remitindo o impreso e mailo xustificante á seguinte dirección de enderezo electrónico: alvaro.lira@concellodenegreira.es

 

Plan mellora camiños 24 25
Plan mellora camiños 24 25
estrea unidade mobil DNI e pasaporte

O Ministerio de Interior na mellora dos servizos que presta á cidadanía do rural, vén poñendo en funcionamento unidades móbiles que permiten a expedición ou renovación do DNI e do pasaporte en apenas 10 minutos, como en calquera comisaría da Policía Nacional. Ata agora, este servizo só dábase para o DNI, e ademais había que agardar tres días para a obtención do documento.

A estrea deste novo servizo en Negreira viuse adiada o pasado mes de abril e hoxe luns 26 tivo lugar a primeira visita sendo elixido o Campo da Feira para a súa ubicación.

A subdelegada do Goberno na provincia de A Coruña, María Rivas López visitou Negreira e explicou que “os novos vehículos veñen a sustituir ás oficinas móbiles nas que había mínimo dúas citas e agora, ofrecen un servizo no mesmo día”, sinalou. A subdelegada estivo acompañada polo alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez e maila primeira tenente de alcaldesa, Teresa Duro Leis, ademais de concelleiros do goberno local e representantes da Policía Nacional e Policía Local.

unidade mobil dni e pasaporte 2

 

Durante a mañá de hoxe foron máis de sesenta persoas, de Negreira e A Baña, as que pasaron pola citada unidade móbil que na seguinte visita, o luns 22 de setembro vai ser ubicada na entrada ao Centro Sociocultural. 

 

resumo nicrafolk

O sábado 21 de xuño no patio do Ceip O Coto chega unha nova edición deste concerto  con tanto arraigo no noso Concello.

A partir das 19:30h  comenzaremos coa Foliada Local coa participación dos grupos locais  da Escola Municipal de Pandeireta, O grupo de música tradicional Os Garuleiros e a  Sociedade Cultural e Folklórica Veiga do Cotón, que farán que o comezo da festa  coas súas interpretacións e os seus bailes sexa xa do mais intenso.

As 21:00h remataremos coa foliada e comenzaremos coas actuacións dos tres grupos do Nicrafolk que a continuación imos coñecer un pouco mais en profundidade:

MARICARME actuará as 21:00h (aprox 60min)

Maricarme é o resultado de xuntar tres recoñecidas caras do panorama musical galego: Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras), Cibrán Seixo (Davide Salvado, Budiño) e Migui Carballido (Zeltia Irevire). Os instrumentos acústicos (violíns, pandeiros, bouzouki...) únense á sonoridades máis electrónicas (sintetizador de baixo, pads, pedais...) creando un folk orixinal e poderoso. Maricarme viaxa dende a tradición oral ás composicións propias e presenta un concerto dinámico no que prometen facervos bailar.

Este novo supertrío do folk galego, orixinado en 2023, xa pasou por algúns dos ciclos e festivais máis senlleiros do noso panorama musical, entre eles: Festival Maré, Seráns en Feixóo, Festiletras, Castelo Conta, As Cores do Outono, Foliada da Fonsagrada…

Mercedes Peón -   INGRÁVIDA actuará as 22:15h (aprox 80min)

Premio Nacional á Cultura da Xunta de Galicia - Artista do ano para Folkword
Candidata a artista do ano para BBC Radio 3 - Artista Top TEN na Revista Songlines
E moitisimos máis  ao longo da súa extensa traxectoria...

Compositora, vocalista e instrumentista galega, Mercedes Peón é considerada como unha das mulleres máis carismáticas do circuíto da world music actual. A súa música achega unha variedade compositiva que arrinca desde a polirritmia, baixo a mirada dos ritmos máis ancestrais, culminan en temas eclécticos e descaradamente vibrantes. O seu amplo repertorio, e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións, fan desta muller unha figura fundamental da escena etnocontemporánea en Europa.

Despois de afondar na tradición durante máis de 25 anos, no 2000 gravou o seu primeiro álbum, chamado Isué. Nos seus traballos posteriores Ajrú (2004) e Sihá (2007), as súas composicións levárona a unha particular atmosfera na que se achegou ao electroacústico, facendo do resultado o seu sinal distintivo dentro e fóra das nosas fronteiras.

O universo creativo de Mercedes Peón amplíase así, ao combinar artesanía musical e vangarda creativa mentres mantén o seu discurso, sempre social e feminista. Esta traxectoria fai dela unha das artistas galegas máis destacadas de comezos do século XXI.

O ESPECTÁCULO:
Logo de 20 anos da estrea do seu primeiro disco Isué, Mercedes Peón ofrécenos esta xira percorrendo temas dos seus 5 discos editados en solitario, chea das influencias das recollidas de campo que fixo durante 25 anos polas aldeas, dos traballos cinematográficos ou para danza. Este concerto está acompañado polos grupos de pandeireteiras Raigañas, Xirifeiras, por voces de ConcertoTempo, polo dúo Caamaño&Ameixeiras, Mónica de Nut e Ana Fernández.

A cabalo do acústico e da electrónica, Xira Ingrávida é unha festa de celebración desta efeméride e unha homenaxe a persistencia da creación colectiva, que é un xeito de mirar o mundo.

OS CARUNCHOS - Unha gorxa chea de paxaros (Manuel Maria) actuará as 23:45h (aprox 75min)

Os Carunchos nace a  finais de 1994 coa idea de mesturar temas cantados co repertorio de gaiteiros solistas, conseguindo naquel momento unha formación nova e orixinal coa que Os Carunchos participan nos máis importantes festivais folk do país.

Os Carunchos renden homenaxe ao poeta Manuel María musicando unha selección dos seus poemas. Ao tempo que celebran o seu 30 aniversario neste 2024, Os Carunchos celebran tres décadas de música en galego co gran Poeta da Terra. Deste encontro prodixioso entre a música e a palabra xorden trece temas, “unha gorxa chea de paxaros” e de versos, cos que celebrar a longa vida dunha das bandas fundamentais da música tradicional galega.

 

 

7 TORNEO XIMNASIA RÍTMICA

O sábado 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas o pavillón de Pedra Mámoa vai a albergar o 7º Torneo Interescolas de Ximnasia Ritmica, un evento que contará con máis de 600 deportistas e 28 escolas e clubs de ximnasia rítmica de Galicia e Asturias.

Horarios:
A competición estará dividida en duas partes; pola mañán é a quenda dos participantes de nivel 1 e pola tarde a do nivel 1 e 2.
De 9:30 h. a 11:02 h. Individuais.
As 11:05 h. Entrega de medaias.
De 11:30 h. a 13:48 h. Conxuntos.
Ás 14:00 h. Entrega de Premios.
De 16:30 h. a 16:55 h. Nivel 1 Dúos e Trios.
De 17:10 h. a 18:13 h. Conxuntos Nivel 2.
DE 18:30 h. a 19:05 h. Individuais Nivel 2.
De 19:10 h. a 19:16 h. Dúos e Trios Nivel 2.
De 19:20 h. a 19:30 h. Grupais.
Ás 19:35 h. Entrega de Premios.

Organización:
A organización do evento corre a cargo do club Marusia e do Club Ximnasia Rítmica Compostela coa colaboración do Concello de Negreira.

Clasificación:
Os equipos mellor clasificados na Fase de Burela e Negreira obterán o pase para a Gran Final que terá lugar en Ourense o 28 de xuño.

Escola Municipal de Ximnasia Ritmica:
Despois dos bos resultados obtidos na primeira cita deste torneo en Burela o pasado 15 de marzo, as integrantes das Escolas Deportivas de Ximnasia Rítmica de Negreira, teñen a ilusión de poder mostrar o seu traballo e de seguir progresando nesta disciplina.

Está todo preparado para unha cita que está marcada no calendario como unha das probas deportivas máis importantes do ano, xa que nesta xornada poderemos ver as mellores ximnastas escolares e novos valores de Galicia, nun deporte que destaca pola disciplina, o traballo en equipo e a superación persoal.

+INFORMACIÓN

Programa de Fisioterapia e podoloxía para maiores

O Concello de Negreira, a través do seu Departamento de Servizos Sociais, impulsa un ano máis o Programa de Fisioterapia e podoloxía, unha iniciativa destinada a mellorar a calidade de vida das persoas maiores do noso municipio.

Este programa vai dirixido a persoas maiores de 60 anos que sexan dependentes ou teñan algún grao de discapacidade ou problemas de mobilidade, ofrecéndose atención gratuíta no propio domicilio para facilitar o acceso aos servizos e garantir o benestar dos beneficiarios.

As persoas interesadas en participar deben presentar a súa solicitude do 15 ao 29 de maio de 2025, no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Negreira ou contactando a través do número de teléfono: 981 88 53 81

campamento urbano

O Concello de Negreira abre este mércores 14 de maio o prazo de inscrición para o seu campamento de verán, o Campamento Urbano Respira, a desenvolverse nas instalacións do CEIP O Coto e dirixido a familias con menores de 3 anos (escolarizados) a 12 anos. As prazas son limitadas.

Requisitos de acceso ao servizo (poderán acceder ao mesmo sempre que se cumpran os dous requisitos):

  • Familias empadroadas no Concello de Negreira.
  • Familias nas que ambos proxenitores ou titores legais estean traballando ou en situación de busca activa de emprego ou formación laboral.

Para a adxudicación das prazas terase en conta a orde dos seguintes criterios recollidos no Regulamento do Programa Negreira Concilia (Madrugadores e Merendas), Diververán (BOP do 8 de marzo de 2022, núm. 45):

  1. criterio − Familias que aporten informe social que indique a necesidade do servizo en base a circunstancias socioeconómicas e familiares.
  2. criterio − Familias con fillos/as de mulleres vítimas de violencia de xénero.
  3. criterio − Familias monoparentais.
  4. criterio − Familias numerosas.
  5. criterio − Familias nas que algún dos proxenitores teña o seu posto de traballo no Concello de Negreira.
  6. criterio − Calquera usuario/a.

O campamento desenvolverase do 1 de xullo ao 31 de agosto, podendo as familias elixir as quendas que necesiten, quedando distribuídas da seguinte maneira co seu correspondente prezo público recollido na ordenanza (11 de marzo de 2022):

1ª quenda: do 1 ao 15 de xullo

2ª quenda: do 16 ao 31 de xullo

3ª quenda: do 1 ao 15 de agosto

4ª quenda: do 16 ao 31 de agosto

 

Documentación requirida:

  • Modelo normalizado de ficha de inscrición
  • DNI dos responsables do/a menor
  • Libro de familia, sentenza ou resolución administrativa que acredite a relación xurídica
  • Tarxeta sanitaria do/a menor
  • Declaración do IRPF ou, no caso de non presentala, certificación negativa
  • Xustificante bancario de ingreso do prezo público
  • Xustificante da situación de emprego (informe de vida laboral, última nómina, pago do último recibo de autónomos)
  • Xustificante da necesidade do servizo por incompatibilidade horaria (certificado de demandante de emprego, xustificante de busca activa de emprego, ou xustificante de asistencia a accións de formación laboral)

 

O horario do campamento será de 8:30 a 14:30 horas, e as familias poderán facer uso do servizo en función das súas necesidades, permitíndose entradas e saídas flexibles. Para o bo desenvolvemento das actividades programadas, recoméndase que aquelas familias que non vaian facer uso do horario completo incorporen aos nenos/as arredor das 10:00 h e os recollan a partir das 13:30 h.

 

Exencións e bonificacións

Segundo as circunstancias da unidade familiar, aplicaranse os seguintes descontos:

  1. Exención: A emisión dun informe social do departamento de servizos sociais que indique a necesidade do servizo e a inexistencia de posibilidades económicas para aboar o custo implicará a exención da cota.
  2. Bonificación: Cando asistan ao servizo varios irmáns/as de xeito simultáneo, o segundo e sucesivos terán un desconto do 50%.

 

O persoal técnico responsable do servizo poderá requirir outra documentación complementaria ou adicional que se precise.

As solicitudes poden presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello (https://negreira.sedelectronica.gal), ou de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello de Negreira, en horario de 9:00 h a 14:00 h, de luns a venres, do 14 ao 28 de maio.

Prezo: 100 €/mes; 50 €/quincena.

 

Pleno ordinario de maio

A Corporación Municipal de Negreira está convocada ó Pleno da Corporación en sesión ordinaria, o luns, día 12 de maio, ás 20:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello coa seguinte orde do día:

Primeiro.- Dar conta dos Decretos de Alcaldía emitidos dende o último Pleno  Ordinario: do nº 68/2025 ó nº 148/2025, ambos inclusive.

Segundo - Ratificación do Decreto de Alcaldía 120/2025, de 14 de abril, relativo á aprobación da modificación do proxecto técnico “ Humanización de la rúa do Carme, Negreira” POS +2025.(Expediente: 2025/G003/000131).

Terceiro.- Ratificación do Decreto de Alcaldía 121/2025, de data 14 de abril, relativo á aprobación da modificación do proxecto técnico “ Red de saneamiento en los núcleos de Cancelo y Trians en Cobas (Negreira) “ POS +2025. (Expediente: 2025/G003/000132).

Cuarto.- Ratificación do Decreto de Alcaldía 136/2025, de data 30 de abril, relativo á aprobación da modificación do proxecto técnico “Aglomerado VP Aro-Pedralonga” POS +2025. (Expediente: 2025/G003/000156).

Quinto.- Ratificación do Decreto de Alcaldía 137/2025, de data 30 de abril, relativo á aprobación da modificación do proxecto técnico “Aglomerado VP Chancela_DP1302” POS +2025. (Expediente: 2025/G003/000157).

Sexto.- Ratificación do Decreto de Alcaldía 125/2025, de 22 de abril relativo á corrección de erros no expediente de licitación do servizo de atención temperá (SAT) (Expediente: 2025/G003/000133).

Sétimo.- Ordenanza reguladora das condicións de uso de espazos, locais e instalacións municipais do Concello de Negreira (Expediente: 2025/G013/000002).

Oitavo.- Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de actividades deportivas e culturais municipais (Expediente: 2025/G016/000001).

Noveno.- Ordenanza fiscal reguladora do uso dos espazos locais e instalacións municipais do Concello de Negreira (Expediente: 2025/G016/000002).

Décimo.- Rogos e preguntas.