Autorizada a liña de evacuación do parque Outes

A Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, de Xunta de Galicia, outorgou autorización administrativa previa, autorización administrativa de construcción e declarou de utilidade pública, as instalacións relativas ao proxecto técnico da Liña de Alta Tensión (LAT 66 kV) de evacuación do parque eólico Outes nos concellos de Negreira, Outes e Noia (expediente IN408A 2020/108).

Prema na seguinte ligazón para acceder á publicación no Diario Oficial de Galicia. 

Feira das profesións

Promovida polos departamentos de Orientación dos institutos de Bertamiráns (Ames), Brión e Negreira, este ano tamén contará coa participación como centro convidado do IES de O Milladoiro. Desenvolverase no pavillón de Pedra Mámoa, o xoves 24 de abril e o evento reunirá a 63 expositores entre centros de Formación Profesional, as tres universidades, empresas e profesionais independentes.

A previsión dos organizadores apunta a unha participación superior ás 1.600 persoas. Pola mañá farano os estudantes dos catro centros en dúas quendas de aproximadamente setecentos alumnos por quenda que se desprazarán en autobuses ata o complexo deportivo negreirés. Pola tarde, de catro a seis e media, a feira abrirá as súas portas ás familias. Ademais, unha vintena de alumnos colaboran na organización mediante varios grupos de traballo.

Os fillos da incerteza

Un proxecto inclusivo e sostíbel para salvar ás abellas e fomentar a educación ambiental. Co obxectivo de concienciar sobre a importancia das abellas no noso ecosistema, naceu o proxecto "Os fillos da incerteza: a nosa alvariza", unha iniciativa innovadora e que combina educación ambiental con inclusión social. Dirixido a menores de entre 0 e 6 anos, integrantes da Unidade de Atención Temperá de Negreira e Val do Dubra, este proxecto busca fomentar o respecto pola biodiversidade e desenvolver habilidades sociais, cognitivas, motoras e sensoriais a través do contacto coa natureza.

O certo é que cando as familias deciden ter fillos enfróntanse dalgunha maneira, aínda que evidentemente a nivel metafórico, ao principio da incerteza. Non poden saber con precisión e ao mesmo tempo que é o que está a ocorrer dentro da barriga. Desde a Unidade de Atención Temperá traballan dobremente con fillos e fillas da incerteza, non só porque son unha incerteza en si mesma ata o momento do nacemento, senón que tamén o é a súa evolución posterior. Máis que ninguén, eles son fillos da incerteza, da incerteza, da biodiversidade e do desafío.

Desafíos diarios

O proxecto, impulsado pola UAT, en colaboración con expertos en apicultura, non só busca fomentar a protección das abellas, senón tamén dar voz a aqueles menores que, como estes insectos, enfróntanse día a día a numerosos desafíos; e, con todo, con apoio e comprensión, poden florecer e facer do mundo un lugar mellor.

O proxecto contou co apoio dos concellos, os centros educativos e mailas familias. Éstas últimas mostraron gran entusiasmo por esta iniciativa pioneira en Negreira e Val do Dubra. Ademais, este proxecto enmárcase nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) da Organización de Nacións Unidas (ONU), contribuíndo á educación de calidade, a acción polo clima e a protección do noso ecosistema.

"Queremos que todos os nenos e nenas teñan a oportunidade de aprender sobre a natureza e sentirse parte activa da súa protección. Con este proxecto, non só promovemos a conservación das abellas, senón que tamén traballamos na inclusión e no desenvolvemento de capacidades dos menores con diversidade funcional", sinalou María Jesús Cao, coordenadora da UAT. 

Parque eólico Outes

O Goberno local convocou para este sábado, día 5 de abril, a unha reunión informativa á veciñanza da parroquia de San Pedro de Xallas como posibles afectados pola execución do proxecto eólico Outes en terreos da devandita parroquia.

Na xuntanza, que terá lugar o sábado dende as 19.30 horas no Local social de Xallas, darase conta de toda a información recabada nas últimas semanas polo Concello, tanto por parte da Xunta de Galicia que encárgase da súa tramitación como por parte da empresa promotora Norvento SL.   

O proxecto presentado pola promotora contempla o levantamento de cinco grandes aeroxeradores, dos que catro irían en territorio de Negreira e maila correspondente subestación, cunha potencia de 21 megawatios. A súa tramitación arrincou en xullo de 2012 mediante a exposición pública.